Bases do ranking do mes
- Quen organiza
- Ricardo Manuel González Lede (NIF 39511531S), para Parque FC. Avenida de Ramón Nieto, 34, 36205 Vigo (Pontevedra). Contacto: parquefc@parquecreativo.gal.
- Que é
- Pena máxima é o xogo de penaltis de Parque FC (parquecreativo.gal/penaltis). Cada mes hai un ranking das rachas de lanzador e de porteiro. Xogar e participar é gratis e non obriga a comprar nada.
- Quen pode participar
- Calquera persoa cunha conta gardada na Pena máxima (co email ou con Google) e un alcume. As menores de 14 anos, co permiso dos seus pais ou titores; se quen gaña é menor de idade, o premio entrégaselles a eles. Non poden levar premio as contas da administración do xogo.
- Como se xoga
- Cada día (hora de Galicia) tes dous intentos de cada racha que contan para o ranking, ou tres se estás na lista de novidades de Parque. Apuntarse non é obrigatorio para participar nin para gañar.
- Conta a mellor marca de cada persoa no mes, en cada racha. Se dúas persoas empatan, vai diante quen a fixo antes.
- O ranking pecha o último día do mes ás 23:59 (hora de Galicia). O primeiro do mes seguinte empeza outro de cero.
- O premio
O premio de cada mes anúnciase antes de que empece, no xogo e no Instagram de Parque FC (@parque.futbol.club). Se un mes non se anuncia premio, ese mes non hai.
Gañan as persoas que vaian primeiras no ranking de lanzador e no de porteiro cando peche o mes, salvo que o anuncio diga outra cousa (por exemplo, premio tamén para os tres primeiros ou para o mellor equipo). O premio non se pode cambiar por diñeiro. Se o premio anunciado non se puidese entregar por causas alleas á organización, darase outro de valor parecido.
- Como se entrega
- Nos sete días seguintes ao peche escribímoslle a quen gañe ao email da súa conta. Ten quince días para responder; se non responde ou non cumpre estas bases, o premio pasa á seguinte persoa do ranking. O premio recóllese en persoa nun partido de Parque FC ou mándase por correo a un enderezo en España, como se acorde.
- Xogo limpo
- Quedan fóra as marcas feitas con trampas: manipular o xogo ou as súas comunicacións, automatizar xogadas, usar varias contas para ter máis intentos ou calquera outra forma de saltarse as normas. Se se descobre despois, o premio pasa á seguinte persoa.
- Publicación
- O ranking é público: nel saen o alcume, o equipo e a marca de cada quen. O alcume, o equipo e a marca de quen gañe publícanse tamén no xogo e nas redes de Parque FC. Para o nome real ou unha foto na entrega pedirémosche permiso antes.
- Os teus datos
- Os datos da túa conta úsanse para o ranking e, se gañas, para contactar contigo e entregarche o premio, como se explica na política de privacidade.
- Cambios e dúbidas
- Estas bases valen dende o ranking de outubro de 2026. Se hai que cambialas, avisarase no xogo, e os cambios non afectan ao mes que xa empezou salvo que sexan a favor de quen participa. Participar supón aceptalas. Dúbidas: parquefc@parquecreativo.gal. Rexen as leis españolas.
Última actualización: 15 de outubro de 2026.